O
prazo de presentación finaliza o 30/10/2015
IG206 - BONIFICACIÓN DOS CUSTOS DO FINANCIAMENTO DAS
MICROEMPRESAS TITULARES DE PRÉSTAMOS INFERIORES A 25.000 EUROS (2015)
Finalidade / Obxectivo
Bonificación dos custos do financiamento
dos investimentos das microempresas de Galicia, titulares de préstamos
inferiores ou iguais a 25.000 euros instrumentadas mediante convenio de
colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as
entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca.
Tipos de apoio
Axudas en réxime de concorrencia non
competitiva.
Beneficiarios potenciais
Os autónomos e aquelas empresas que teñan
a consideración de microempresa. A ditos efectos, terá a consideración de
microempresa, a unidade económica con personalidade física ou xurídica que
reúna os seguintes requisitos:
a) Que teña menos de 10 traballadores.
b) Que teñan unha cifra de negocios anual ou balance xeral anual que non supere
os 2 millóns de euros.
c) Que cumpra o criterio de independencia.
Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas,
agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera
outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de
personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na
situación que motiva a concesión da axuda.
Terán que ter formalizada unha operación de préstamo, previamente ou con
posterioridade á entrada en vigor das presentes bases, con fondos do ICO das
Liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2015, ICO-Garantía SGR/SAECA 2015 ou ben con
fondos da propia entidade financeira, sempre que estean avalados por unha SGR.
En calquera caso, os préstamos deberán estar formalizados a partir do 1 de
xaneiro de 2015 e con anterioridade á data de presentación da solicitude de
axuda, por un importe inferior ou igual a 25.000 euros a un prazo igual ou
superior a cinco anos e cumprir coas condicións específicas, de actividade e
localización, establecidas nestas bases.
Ademais non ser considerados empresas en crise no sentido das directrices comunitarias
sobres axudas estatais de salvamento e restruturación de empresas en crise e
cumprir as condicións específicas para cada liña establecidas no artigo
terceiro destas bases.
Sectores incentivables
Os proxectos obxecto de financiamento a
través desta liña terán que corresponderse con algunha das actividades
sinaladas no anexo II.
Non obstante, no caso de proxectos que se van desenvolver por emprendedores
considéranse atendibles todas as actividades, agás as excluídas nas letras c),
d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de
decembro de 2013.
Requisitos principais do proxecto
Só terán acceso ás axudas de bonificación
dos custos de financiamento establecidas nestas bases, os préstamos
formalizados por un importe inferior ou igual a 25.000 euros.
A porcentaxe de financiamento poderá alcanzar o 100% do proxecto, non obstante
a bonificación do Igape calcularase para o 75% do préstamo.
* Prazos de amortización e carencia.
Serán atendibles os préstamos formalizados a un prazo igual ou superior a 5
anos.
* Tipos de xuro e comisións
Os tipos de xuro máximos, segundo o prazo e modalidade escollida, serán os
publicados quincenalmente polo ICO na súa páxina web www.ico.es
Nas operacións sen aval de SGR, a entidade de crédito non aplicará ningunha
comisión ao cliente pola concesión do financiamento.
No caso de contar con aval financeiro do 100%, a SGR poderá aplicar unha
comisión de estudo máxima do 0,50% do importe total da operación.
As SGR poderán cobrar ao cliente en concepto de comisión de aval ate un máximo
do 1% do risco vivo anual.
Cualificación requerida do proxecto
-
Inversións ou gastos computables
O financiamento poderá destinarse aos
seguintes conceptos:
Activos fixos produtivos novos ou de segunda man.
Vehículos industriais sen límite de prezo e vehículos turismos, cun prezo máximo
de 30.000,00 , sen incluír o IVE.
Adquisición de empresas.
Liquidez co límite do 50% do financiamento.
- Por activo produtivo deberá entenderse aqueles bens que, directa ou
indirectamente, permitan realizar a actividade da empresa.
Os beneficiarios das axudas establecidas nestas bases deberán manter os
investimentos obxecto de financiamento durante a vixencia da bonificación á
operación financeira. Considerarase cumprida esta condición no caso de que os
bens nos que se materialice o investimento sexan substituídos por outros da mesma
natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de
axuda financeira do Igape.
Non se concederá axuda, por parte do Igape, ao financiamento destinado a:
- Vehículos de transporte, no sector de transporte de mercadorías por estrada.
- Adquisición ou construción de buques de pesca.
- O Imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro tributo ligado ao
investimento.
Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en
propiedade. Poderanse financiar investimentos realizados no período comprendido
entre o 1 de xaneiro de 2014 ata un ano dende a formalización do préstamo. A
diferenza entre os importes correspondentes aos investimentos e o importe
disposto do financiamento, considérase utilizado para liquidez.
O proxecto de investimento deberá realizarse en Galicia. No caso de proxectos
de adquisición de empresas, a empresa adquirente e adquirida deberán ter o seu
domicilio social en Galicia.
Contía das axudas
1.- A axuda do Igape consistirá na
bonificación do tipo de xuro nominal das operacións de préstamo acollidas a
estas bases, na axuda financeira sobre o tramo de préstamo que debe financiar
activos fixos e, se é o caso, na compensación do custo da comisión do aval
financeiro prestado por unha SGR.
A axuda financeira, determinarase do seguinte xeito:
a) Bonificación do tipo de xuro, de acordo cos seguintes criterios:
Con carácter xeral, 1,5 puntos porcentuais.
No caso de proxectos de investimento nos concellos con apoios específicos
relacionados no anexo IV, 0,5 puntos porcentuais adicionais.
No caso de emprendedores, ou proxectos pertencentes ao sector industrial, 0,5
puntos porcentuais adicionais.
b) Axuda financeira do 15% sobre o tramo de préstamo que debe financiar activos
fixos.
c) Compensación da comisión do aval financeiro, no seu caso.
2.- Terán a consideración de emprendedores, de acordo coa Lei 9/2013, do 19 de
decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, as
persoas físicas e xurídicas que se encontren realizando unha actividade
empresarial ou profesional con ata corenta e dous meses de antigüidade ou ben
os trámites previos para poder desenvolver unha actividade económica. Dito
prazo computarase dende a data de formalización do préstamo.
3.- Tanto a bonificación ao tipo de xuro como, se é o caso, a compensación da
comisión de aval da SGR, calcularase do seguinte xeito:
a) Calcularanse os valores absolutos das bonificacións a percibir durante o
período teórico de vixencia do préstamo, incluído, se é o caso, o período de
carencia. Aos efectos de excluir o IVE, tomarase coma base para o cálculo o 75%
da operación formalizada e coma base da liquidación o ano comercial (360 días).
b) Actualizaranse os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como
taxa de actualización o tipo de xuro legal do diñeiro correspondente ao ano da
formalización da operación financeira.
c) No caso de que a operación fose formalizada a un prazo superior a 7 anos, a
compensación da comisión de aval da SGR, calcularase de xeito teórico, coma se
fose a 7 anos, incluída a carencia.
d) O importe resultante da axuda destinarase á amortización anticipada do
principal do préstamo, non podendo a entidade financeira cobrar comisión
ningunha pola dita amortización.
4.- No suposto de que o tipo de xuro alcanzase niveis inferiores aos puntos de
bonificación, a axuda do Igape limitaríase ao tipo de xuro establecido para a
vixencia da operación, ou ben para o primeiro período, no caso de operacións a
tipo de xuro variable. É dicir, o tipo de xuro resultante, tras a bonificación
de xuros non poderá ser inferior a cero.
5.- A axuda financeira sobre o tramo de préstamo que debe financiar activos
fixos, calcularase aplicando a porcentaxe do 15% sobre o 50% da base de cálculo
tida en conta para a bonificación de xuros e, no seu caso, compensación da
comisión de aval.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes
por parte do interesado no Igape, iniciarase o día seguinte ao da publicación
destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de
outubro de 2015
Incompatibilidades
Serán compatibles con calquera outras
axudas públicas ou privadas - pero en ningún caso, illadamente ou en
concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de
axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis.
Cando o importe de axuda que se vai conceder con suxeición a estas bases supere
o límite máximo global, o dito importe de axuda reducirase na parte que
proceda.
A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto
Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no
momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.
En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha
declaración escrita ou en soporte electrónico, das axudas recibidas en réxime
de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste
artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión
da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.
Referencia lexislativa
Resolución do 5 de xuño de 2015 (DOG
Nº115 do 19/06/2015) - Bases reguladoras e convocatoria 2015
Información e tramitación en
INFORMACIÓN: 900 81 51 51 e nas oficinas
territoriais do Igape.
TRAMITACIÓN:
Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente
un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a
través da aplicación en http://www.tramita.igape.es
Unha vez xerada a solicitude (Anexo I) deberá presentarse:
- Por vía electrónica. Para iso asinante deberá posuír un certificado dixital
en vigor baixo a norma X.509 V3 e será necesario que o asinante da solicitude
teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
- Ou ben, en papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas
oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art.
38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude
normalizada (ANEXO I) co IDE, acompañada da documentación establecida.
Xunto coa instancia de solicitude, deberá presentarse a seguinte documentación:
• Póliza da operación financeira formalizada.
A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon a
disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, nos números de
teléfono 900 81 51 51 ou 981 541 147.
Observacións
Para facer efectivo o pagamento da
totalidade da axuda o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento,
no prazo máximo de 1 mes dende a data de remate do período de execución,
sinalado na resolución de concesión.