http://igape.es/media/tpl_portales-xunta/images/main-logos/logo-igape.png

 

O prazo de presentación finaliza o 30/06/2015

IG205 - PRÉSTAMOS JEREMIE - IGAPE

Finalidade / Obxectivo

JEREMIE, é unha iniciativa da Comisión Europea desenvolvida xunto co Fondo Europeo de Investimentos. A súa finalidade é promover o uso de instrumentos de enxeñaría financeira para mellorar o acceso das PEMES ao financiamento a través das intervencións dos Fondos Estruturais. Esta iniciativa permite utilizar parte dos Fondos Estruturais europeos asignados para investir en instrumentos reembolsables como fondos de capital risco, de préstamo ou de garantía.

Para acometer proxectos de investimento produtivos no territorio galego, a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) formulan a constitución dun instrumento financeiro, cofinanciado con fondos procedentes do Programa Operativo FEDER 2007-2013, co obxecto de facilitar o acceso ao crédito a aqueles proxectos economicamente viables que encontran dificultades de acceso ao financiamento ou a custos comparativamente superiores.

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1.- Poderán ser beneficiarios aquelas sociedades mercantís que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha peme ou microempresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea.

b) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Desenvolver ou ter previsto realizar no centro obxecto do proxecto algunha actividade empresarial financiable, que non estea entre as actividades excluídas que se sinalan no Anexo II nestas bases.

d) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira do 30% do proxecto, un 25% deberá estar exenta de calquera tipo de apoio público, ademais da totalidade dos impostos indirectos que graven a adquisición dos bens, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

2.- Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As sociedades mercantís cuxa actividade estea comprendida nas excluídas polo artigo 1 do Regulamento (UE) n.º 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.

b) As sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

c) As empresas en crise.

d) As entidades nas que concorran algunha das circunstancias do artigo 10.2. da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia

Sectores incentivables

Os proxectos financiables sobre o montante do investimento, deberán en todo caso estar vinculados a algunha actividade económica que non estea entre as excluídas que se relacionan no Anexo II nestas bases, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Requisitos principais do proxecto

* Características dos proxectos a financiar:

O Igape poderá financiar mediante préstamos proxectos empresariais de investimento a implantar na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

1.- O proxecto deberá presentar un investimento financiable superior ou igual a 100.000 euros e inferior ou igual a 1.500.000 euros.

2.- Os proxectos financiables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e no seu caso ambiental, e deberán consistir na creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente. Non serán financiables meras substitucións de bens, traslados de centros produtivos que non supoñan mellora na capacidade produtiva ou competitividade, gastos de amortización, saneamento de contas, financiamento ou refinanciamento de débedas, pagamento de impostos, nin aquelas afectadas por limitacións específicas do Programa Operativo FEDER.

3.- Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.


* Características dos préstamos:

1.- Importe do financiamento: O importe do préstamo estará comprendido entre un mínimo de 70.000 euros e un máximo de 1.050.000 euros, e non superará en ningún caso o 70% do investimento financiable, nin a suma do mesmo pendente de pagamento.

2.- Disposición dos fondos: Admitirase un máximo de 4 disposicións, que se tramitarán conforme ao establecido no artigo 10 das presentes Bases.

3.- Xuros: O tipo de xuro fixo, determinarase no momento da concesión para toda a vida do préstamo, será o resultado de sumar á media aritmética do euribor a 1 ano do mes anterior á concesión un diferencial determinado en función do importe inicial do préstamo, conforme aos seguintes tramos:

-Tramo de 70.000 a un máximo de 300.000 euros: 0,75 %
-Tramo de 300.001 a un máximo de 600.000 euros: 1,5 %
-Tramo de 600.001 a un máximo de 1.050.000 euros: 3 %

O tipo de xuro nominal anual pagadoiro trimestralmente, determinarase calculando a media aritmética ponderada dos tipos que resulten de distribuír o importe inicial do préstamo nos tramos anteriores. Unha vez fixado o tipo no acordo de concesión, non será obxecto de revisión á baixa pola amortización do préstamo, e será aplicado a tódalas disposicións parciais do préstamo independentemente da súa contía.

4.- Reembolso do principal dos préstamos: Os préstamos que conceda o Igape terán un prazo mínimo de amortización de 2 anos e un máximo de 7 anos, e reembolsaranse mediante cotas trimestrais, sen que en ningún caso poida superar a vida económica e técnica dos bens financiados. Poderase establecer un prazo de carencia máximo de 1 ano.

5.- Amortización anticipada: A prestamista ten a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial do préstamo, mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles.

6.- En caso de producirse o incumprimento total ou parcial das condicións do contrato de préstamo, o Igape poderá dalo por vencido, e requirirá o reembolso total ou parcial, segundo corresponda do capital vivo e os xuros percibidos.

7.- Garantías: O Igape tomará as garantías axeitadas segundo as características de cada operación.

A devandita garantía poderá consistir en:
- Avais bancarios ou de sociedade de garantía recíproca.
- Peñoramento de activos financeiros ou dereitos de crédito.
- Hipotecas en primeiro rango sobre bens inmobles.
- Hipoteca mobiliaria ou peza sen desprazamento sobre bens libres doutras cargas.
- Avais persoais de socios que acrediten un valor patrimonial neto suficiente.

8.- Dereito privado: Os contratos mediante os que se formalicen as operacións someteranse ao dereito privado.

Cualificación requerida do proxecto

-

Inversións ou gastos computables

1.- Consideraranse conceptos financiables os seguintes:

a) Activos fixos materiais: Adquisición dos activos fixos materiais necesarios para acometer o proxecto, tales como terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento, mobiliario.

b) Activos intanxibles: Aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licencias de fabricación e patentes, gastos de I+D e outros activos intanxibles ligados a proxectos de innovación tecnolóxica.

c) Exclúense impostos, taxas e arbitrios.

2.- Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá no acordo de concesión individual correspondente os investimentos financiables ata o termo do prazo de execución do proxecto.

3.- Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

4.- Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo autorización expresa no acordo de concesión e previa petición do solicitante.

5.- O investimento terase que manter no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao termo do prazo de execución do proxecto. O investimento financiado poderá ser substituído en caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da prestamista se manteña en Galicia durante os períodos mencionados, non podendo ser obxecto de financiamento os bens que substitúen os obsoletos.

6.- En caso dos activos intanxibles, para ser considerados financiables, deberán cumprir ademais todas estas condicións:
1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;
2) consideraranse activos amortizables;
3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado,
4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.

O período de execución do proxecto iniciarase na data en que o titular presente a solicitude de préstamo, e finalizará aos 4 meses despois da última disposición do préstamo. Tódolos xustificantes da realización e pagamento dos investimentos deberán estar datados nese período, así como calquera outra condición establecida no acordo de concesión, salvo que expresamente se estableza outro prazo.

Contía das axudas

Os préstamos concedidos a esta liña de financiamento inclúen unha axuda implícita, equivalente ao aforro de carga financeira que supoñen para a beneficiaria respecto a un préstamo alternativo que poderían obter en con mercado financeiro.

Os puntos porcentuais de bonificación implícitos e a subvención bruta equivalente recolleranse no acordo de concesión determinados polo Igape en aplicación da Comunicación 2008/C 14/02 da Comisión, e a beneficiaria aceptará a contía estimada desta cando instrumente a operación de préstamo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte; e rematará o 30 de xuño de 2015 ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario.

Incompatibilidades

As subvencións implícitas nos préstamos regulados nas presentes bases, terán a consideración de axudas de minimis.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG Nº108 do 09/06/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014

Información e tramitación en

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado, deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través do enderezo de internet http://www.tramita.igape.es

Ao citado formulario anexaranse os seguintes documentos electrónicos:

a) Informe da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente na dirección de internet https://sedeelectronica.bde.es).

b) Memoria do proxecto co seguinte contido orientativo e en formato PDF:

1.- Antecedentes da entidade
- Capacidade técnica e tecnolóxica: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, patentes I+D+i, certificacións de calidade e ambientais.
- Capacidade comercial da entidade: canles de comercialización, mercados, grao de internacionalización, exportacións.
- Capacidade económica da entidade: Principais activos e aspectos máis significativos dos estados financeiros.

2.- O proxecto
- Orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto á entidade).
- Descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.).
- Necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).
- Necesidades de medios materiais (descrición dos materiais adquiridos e utilizados).
- Necesidades de persoal asociadas ao proxecto.
- Subcontratacións externas (axentes colaboradores, alcance e fases da colaboración).
- Análise económica do proxecto (Previsións económicas para os anos de vixencia solicitados, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría).

3.- O mercado
- Tamaño, características, competencia, etc..
- Análise comercial do produto (cota de mercado e comparación fronte á competencia).

Unha vez cuberto o cuestionario, a aplicación xerará unha solicitude que se presentará mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática (ANEXO I) e que deberá asinar o solicitante.

Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios pechados.
b) Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
c) Documentación administrativa da empresa (escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente).
d) No caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas.
e) Acreditación de actividade financiable (IAE ou compromiso de alta modelo 036).
f) Garantías ofrecidas: No caso de garantías hipotecarias, taxación emitida por sociedade homologada polo Banco de España dos bens ofrecidos. Nota simple do rexistro da propiedade. No caso de garantías persoais: Copia de declaración do IRPF e patrimonio dos avalistas, relación dos seus bens patrimoniais e débedas.
g) Acreditación da capacidade de financiamento da parte do proxecto non cuberto co préstamo solicitado, que deberá contemplar ademais a totalidade dos impostos indirectos que graven as adquisicións de bens previstas. Esta acreditación poderá consistir nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse:

- Por vía electrónica. Para iso asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Na presentación electrónica os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.1.4

- Ou ben, en papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude normalizada (ANEXO I) co IDE, acompañada da documentación establecida.

A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, nos números de teléfono 902 300 903 ou 981 541 147.

Observacións

As empresas prestamistas terán un prazo de 4 meses dende a notificación da aprobación da operación para instar a súa formalización. En ningún caso se poderán formalizar operacións de préstamo con posterioridade ao 31 de decembro de 2015.